Wikipedia

Resultados de la búsqueda

lunes, 13 de junio de 2016

Camiño Real da Carba



CAMIÑO REAL DA CARBA,  MONDOÑEDO – FERROL

TREITO POLO CONCELLO DE XERMADE

Autor: Antonio Riveira Requeijo
Publicado na revista Hume, As Pontes, 2013


O Camiño Real da Carba enlazaba Mondoñedo, capital do antigo Reino de Galicia, coa catedral mais antiga das conservadas en España, e con un dos mais influentes bispados do Reino de Galicia, con Ferrol, cidade coa súa historia escrita sobre auga, co porto pesqueiro, arsenal e asteleiro, tamén con subsede do bispado que as une.  Cidades antigas comunicadas desde tempos remotos por camiños naturais impostos polo releve.Un documento do século XVI, relata o traslado a Mondoñedo dunha talla da Virxe, de procedencia inglesa, que desembarcou no porto de Ferrol. A talla da Virxe viaxou polo antigo camiño real.

Como noutros camiños medievais, de simple explanación ou pavimentación sen firme, tiña un percorrido por cotas elevadas. E tén relación cos investigados como camiños tumulares pois a rede viaria antiga pón de manifesto a  existencia dun elevado número de túmulos nos trazados dos camiños. Á hora da súa construción foron uns elementos cruciais para o trazado ó ser estas rutas megalíticas verdadeiros camiños naturais polas zonas mais asequibles.

En 1830 Richard Ford autor de Manual para viajeros por España y lectores en casa apuntaba as leguas de viaxe desde Ferrol:  Xuvia, 1; Espiñaredo, 4; Lousada , 3; Mondoñedo, 5. Un total de trece leguas para completar a ruta.

No seu percorrido polo Concello de Xermade cruza a Serra da Carba, que polas súas peculiaridades medioambientais, e no seu conxunto a Serra do Xistral, constitúe un espacio natural catalogado como Lugar de Interés Comunitario (LIC)  no ámbito da normativa legal europea de Rede Natura, entrando por Lousada e saíndo na parroquia de Roupar, cara As Pontes, Espiñaredo, Ponte de Xubia e Ferrol. Antes, saíndo  de Mondoñedo cruza Abadín por Romariz, Labrada e Montouto e Vilalba por San Simón da Costa e Vilapedre.


O camiño supoñía unha ruta comercial e sobre él téñense producido innumerables acontecementos dos que se conservan algúns na memoria da xente. Neste percorrido preténdese describir o trazado polo Concello de Xermade e citar algunhas notas dos aconteceres ó longo da historia. Deixamos para outra oportunidade os treitos hasta Mondoñedo por unha banda e ata Ferrol pola outra.


Trazado do Camiño Real da Carba, Mondoñedo - Ferrol, ó seu paso por Xermade
 A piques de entrar o camiño no Concello de Xermade, na veciña parroquia de Vilapedre, do Concello de Vilalba, aínda hoxe se nomea a Fonte dos Cregos a un manancial que abastecía de auga ós camiñantes na súa longa viaxe, entre eles ós clérigos, que eran usuarios habituais polo feito de unir as dúas subsedes do Bispado. Preto dela consérvase na memoria, pois no terreo só a base de pedra, o Cristo da Micaela, á beira do camiño real, e outras cruces de pedra e de ferro que se atopaban no seu trazado, incluso en zonas, como ésta, alonxada de puntos habitados.


Cabeceira da Fraga da Lagoa coa neveira, 
oculta polas uces, en primeiro termo
Ó entrar o camiño no Concello de Xermade, moi perto del, atopamos a Casa da Neveira, edificio de forma rectangular (10 x 6 m), construído en pedra nunha zona con certa pendente de forma que unha parte queda practicamente enterrada e a outra a nivel do solo, por onde se facía o acceso. En tempos antigos, en que as nevaradas eran copiosas e duradeiras no tempo, recollíase a neve da zona próxima, para introducila na casa. Pisábase, de forma que se converte en xeo, en capas duns 50 cm, separadas por láminas de palla para permitir o posterior corte dos cachos de xeo. Este xeo conservábase durante o ano na casa e levábase para o porto de Ferrol polo camiño real, en cabalerías, pola noite, para conservalo mellor.

O camiño prosigue pola cumio da Fraga da Lagoa, auténtico nicho ecolóxico onde se atopan carballos e acivros seculares, con outra vexetación, que forma un manto no terreo de grande valor ambiental. Na súa cabeceira xorde o manancial que dá vida ó Río Trimaz, uníndose a el outros regos que brotan na Serra da Carba.
A fraga recibe o nome da Lagoa pola existencia na súa cume de un lago natural que se forma polas elevadas precipitacións invernais e o escaso drenaxe; sitúase na parte mais alta e chan.

Sobre a fraga, neste paraxe singular, gárdase na memoria dos mais vellos daqueles lugares a celebración ata o primeiro terzo do século XX de un ritual de supervivencia: as monterías do lobo. O Monteiro era o encargado de organizar a batida, mandando avisos a todos os lugares do entorno, para xuntarse na cabeceira da Fraga da Lagoa. Organizadas dúas ringleiras de xente, a varios metros entre sí, cubrían a cabeceira da fraga e iban facendo unha forma de funil  ou embudo cara a parte máis alta (a Lagoa), e dirixíndose á Fraga de Bustofreán (na outra caída). Un grupo de homes introducíanse na fraga para sacar ó lobo da sua gorida. Este ó saír atopaba a xente enfilada, tentando escapar entre os dous grupos, de forma que se metía cara o funil que se formaba na parte alta. Na baixada posterior do terreo apostábanse os lanceiros, cunha rede de cordas, atada a un carballo e a un poste colocado próximo. O lobo ó verse acurralado intenta saltar leándose nas cordas, momento que aproveitan os lanceiros para dar conta del coas lanzas, dando remate ó seu ataque ós animais que o vecindario tiña polo monte. 

Cruz da Rega, ó lado do camiño real antes 
de chegar ó Campo da Feira




Nesa mesma zona e aínda mas antigo existía o Foxo do lobo, un furado escavado na terra que tamén se empregaba para dar caza ó lobo, usando un cabrito de reclamo para atraelo cara o foxo, e alí atrapalo. O foxo do Lobo gárdase na toponimia en mais puntos da serra, así tamén Foxo Cabrito, paraxe seguindo o camiño cara Mondoñedo, dentro do Concello de Abadín, fai referencia á caza deses animais.

Despois de pasar sobre a fraga, pasa perto dun moderno parque eólico que coa nova infraestrutura viaria fai esquecer un pequeno treito do camiño, para unirse de novo en dirección ó lugar da Garrona. Antes de chegar a él deriva á dereita en dirección á Rega, cruzando un pequeno rego. Atopamos logo unha referencia humana, como son as cruces que foron colocadas ó longo deles. A Cruz da Rega indícanos que imos na ruta axeitada. Segundo testemuñas foi construída con motivo da morte dunha persoa por un lobo, e tamén que por alí pasaron as tropas francesas na Guerra da Independencia.

Tamén dos montes de Lousada, polos camiños reais, circulaban cabalerías con sacos cheos de carbón vexetal, feito con torgos (raíz de uz), que se vendían para calefacción e basicamente para o traballo dos ferreiros.

Logo se chega  ó Campo da Feira, coñecido así a raíz de que antigamente se celebraba unha feira no entorno, pois o nome anterior era o de Furco, que facía referencia ó cruzamento da camiños naquel punto. Atopamos a Igrexa parroquial de Santo André de Lousada, edificio moderno construído no ano 1962, cun gran mosaico no frontón da fachada principal, que veu a substituír a Igrexa vella que se emprazaba próxima ó lugar de Choutar. A antiga reitoral e maila Igrexa foron tiradas para construír a nova Igrexa no lugar do Campo da Feira. 



Igrexa de Santo André de Lousada e cruceiro

Por un tramo de estrada provincial avanza o antigo camiño real para salvar Portogutierrez e unha vez pasado O Sumeiro volver a recuperar o trazado orixinal, salvando a Ponte dos Corvos, de construción medieval, e avanzando entre Teixido de baixo e Teixido de arriba.

Próximo ó Camiño está o punto onde se erguía a Capela de San Andrés de Teixido, entre os lugares de Teixido e Vesura. Existía unha antiga capela onde se veneraba a Santo André, da que se conta que o cura que a rexía levou o santo para o lugar que desde aquela se chamou San Andrés de Teixido, no Concello de Cedeira.

Abrevadeiro para as cabalerías que percorrían o camiño real
Pousada de Pepa a Loba no lugar da Abelleira
Logo se chega á Abelleira onde o viaxante que facía o camiño entre as dúas cidades tiña que facer noite. En certa época de mediados do século XIX atoparíamos alí a Pepa a Loba, personaxe histórico, sobre o que Reigosa escribiu unha novela da súa vida, que veu a facer parte da súa lenda nestas terras. Despois de nacer e vivir no norte da provincia de Pontevedra, fuxida polos montes boa parte da súa existencia, como bandoleira, xa cansada de vida tan arriscada, a través dun maragato que se dedicaba a percorrer os camiños vendendo a súa mercadoría, veu parar á Abelleira, ó mercar o mesón situado no lugar, onde daba servizo ós camiñantes con comida e pousada, e segundo a lenda, proseguindo coa súa labor de bandoleira. Consérvase a casa, con troneiras de defensa frente a porta, que acubillou nestas terras, e aínda os máis vellos amosan os lugares onde bebían as cabalerías e onde se apostaba a súa xente para asaltar a certos camiñantes.  Neste mesmo punto, encrucillada de camiños, vixiada pola Necrópole da Abelleira formada por unha vintena de túmulos, mámoas ou medoñas, que foron algunhas delas escavadas por Bouza Brey, atopámonos co real que ven de Lugo, pasando por Vilalba, Santaballa, Corno e Muiñonovo (éstes últimos xa de Lousada), en dirección a Viveiro, saindo de Xermade pola Armada.

Detalle das troneiras defensivas situadas ás marxes, sobre as portas da pousada de Pepa a Loba
Camiño entre valado despois de pasar a Abelleira
Rematando o treito de Lousada, intérnase o camiño na parroquia de Roupar, chegando, despois de pasar outro rego, ó lugar do Boucello. Desde aquí xa con viais mais modernizados e asfaltados, aparece Penavaqueira e logo Os Fornos, núcleo do que conta xente de idade que lle quedou o nome pola existencia de fornos de pan que cocían con asiduidade para abastecer ós viaxantes do camiño.

Logo aparece a Capela do Campo, adicada á Virxe do Carme e San Caetano, construida no século XVIII, en tempos do coñecido como “Conde Sánchez”, sobriño político da irmá e herdeira do Conde de Amarante, Constanza de Lemos, chamado Sancho Arias, señor dunha parte de Roupar e Lousada, que tivo a súa base neste lugar, onde mandou construír a ermida.

Capela do Campo e cruceiro

Segue o camiño cada vez mais transformado para chegar á Casanova.

En Roupar crúzase o camiño co que viña, polo Cristo do Portonovo, Bidueiral, Cabeza dos Fornos, Piñeiro e Xestoso, da cidade de Betanzos, para seguir cara a Mondoñedo ou Viveiro.

Pasa logo o camiño, hoxe estrada, polo lado da Igrexa de San Pedro Fiz de Roupar, de antiga construcción e frente a Escola Habanera construida coas aportacións dos emigrantes de Roupar a principio do século XX.

Igrexa de San Pedro Fiz de Roupar
Escola Habanera de Roupar

Atopamos ó paso polo Porto da Vila o pozo e a Cárcere empregada polo Correxidor nomeado polo Conde de Amarante, antigo señor do Coto de Roupar.

.Pola agora estrada provincial, chegamos ós Bestelleiros e pasando, preto da Pedreira, por Calousada, Rego dos Sapos, Reboredo, dirección Aguillón, último lugar acasarado no Concello de Xermade, para pasar por Porvelo, Paraño, Forxa, Pena do Golpe (hoxe Os Loureiros) chegar ás Pontes cruzando o Rio Eume polo Porto dos Bois.

As Pontes de Isabel II, como se coñecen as existentes na Estrada Vilalba - Ferrol, tanto en Cabreiros como nas Pontes de García Rodríguez, indícannos a época en que foi construída dita estrada, durante a monarquía de Isabel II, sobre o ano 1863. Esta data supón o ocaso para o antigo Camiño Real da Carba, especialmente nas zonas próximas á nova estrada, pois supuxo a utilización continuada do novo trazado viario e o abandono do antigo camiño. Un caso claro e o treito que transcorre por Roupar de Baixo, onde desapareceron vestixios do seu uso e mesmo desapareceu o camiño en algunhas zonas. Dende esas datas era mais viable ir de Mondoñedo a Vilalba e seguir a Ferrol pola nova estrada en lugar de desplazarse polo Camiño Real.


Bibliografía.-
 
Los caminos medievales de Galicia. Elisa Ferreira Priegue. Boletín Auriense. Museo arqueolóxico provincial de Ourense. 1.988

Caminos y Túmulos. Aproximación al estudio de los ejes de comunicación Megalíticos en el Noroeste peninsular. Javier Gómez Vila. Actas del III Congreso del Neolítico en la Península Ibérica. 2002.

Una aproximación al mundo de la nieve en Galicia. Andrés Sampedro Fernández.  IV Congreso de Antropología Aplicada.. Pamplona. 1998

Manual para viajeros por España y lectores en casa. Richard Ford. Editorial  Turner. 2.008.

La Voz de Galicia. 16 de octubre de 2.004.

Notas de historia da parroquia de Roupar.  Enrique Rivera Rouco. Roupar. 1.990-1.996.

Cruceiros, cristos e cruces de Xermade. Fernando Arribas e José Manuel Blanco Prado. Ediciós do Castro. 2.004

Proxecto de dinamización das terras da Carba e Monseivane. Sabela Figueira Tenreiro e Carmen Pernas Bermúdez . Boletín do Museo provincial de Lugo. Nº. 11, 2, 2.003-2.004.

Pepa a Loba. Carlos G. Reigosa. Edicións Xerais de Galicia. 2.006

No hay comentarios:

Publicar un comentario