Wikipedia

Resultados de la búsqueda

lunes, 13 de junio de 2016

Un paseo polo Alto Eume



Un paseo polo alto Eume
Ruta do batán de Folgoso

Autor: Antonio Riveira Requeijo
Publicado HUME, As Pontes, 2014

 

Un paseo polo alto Eume é unha invitación para visitar unha parte menos coñecida do río que tanta historia e vida leva consigo. Unha parte que ten vida propia e que por estar distante das zonas máis poboadas resulta menos explorada e/ou explotada, mais precisamente por iso, que garda as esencias da natureza e dos nosos antigos.

O Río Eume

O Río Eume nace na Serra do Xistral, na vertente sureste do monte Xistral (1.032 m), na parroquia da Balsa, Concello de Muras, a 900 m de altitude, recollendo augas de Muras, Abadín, Xermade, As Pontes, Monfero, A Capela, Cabanas e Pontedeume, separando estes dous concellos, dondo desemboca, vertendo as súas augas no Océano Atlántico. O seu salto fai, desde antigo, pensar ós nosos antepasados a forma para podelo cruzar; así numerosos pasos e pontes construídas sobre él presencian o paso do tempo a fan nomear a vila pola que cruza, As Pontes, e  á vila sobre a que se fai a ponte que serve para comunicala, como tamén é o caso de Pontedeume. Ó longo de seu caudal hai dous importantes encoros, obra da acción humana, que son o Encoro da Ribeira, preto da vila das Pontes e o Encoro do Eume, na súa parte final e dentro do Parque Natural das Fragas do Eume, dondo tamén se atopa o Mosteiro de Caaveiro e o marabilloso contorno de bosque atlántico autóctono, dondo convive unha gran variedade de especies vexetais e de fauna.
Subindo polo cauce do Eume queremos chegar a un espazo que, como ningún outro, conserva pequenos vales descoñecidos que preservan aínda a flora, fauna e etnografía dos nosos antepasados. Este resulta ser un afluente do Río: é o Río Folgoso.
 
O Río Folgoso

Os recantos máis ricos son aqueles dondo a presenza da auga é abundante, tanto para dar vida ás especies vexetais e animais, creando un labirinto tridimensional de figuras, cores e sonidos, como para aproveitar a súa forza para os enxeños creados polos humanos. Especies vexetais como os fieitos que se conservan da era terciaria, bosques caducifolios de carballos, como árbore dominante, co que conviven acivros, bidueiros, abeleiras, castiñeiros, amieiros, freixos, salgueiros, espiños e loureiros; especies animais, algunha delas endémica da zona, como a rá patilonga, a troita que vive en cristalinas augas; augas que gardan ecos dunha extraordinaria historia, para, paseando ó lado delas, facer esquecer o estrés da nosa civilización.
  
Ra patilonga (rana ibérica), endémica de estas zonas

O Río Folgoso comeza o seu percorrido na Serra da Carba, na parte norte do Coto de Carba (908 m) xuntando as augas que corren dende Chao de Lousas e da Lagoa Verde, próximos ó lugar, hoxe deshabitado, de Bustofreán da parroquia de Vilapedre (Vilalba). Adentrándose na parroquia de Lousada, xa no Concello de Xermade, recolle os regatos de Espiñerido, Casal, Buriz  ata chegar á Ponte de Saamil, xa no Concello de Muras, dondo aporta o caudal no pai Eume, despois de un percorrido de 6,5 km.

Esta zona da parroquia de Lousada que forma parte da bacía do Eume engloba varios lugares que no seu conxunto son coñecidos como Tras da Amosa. Os lugares son O Casal, Goía, Orxás, O Vieiro e Folgoso, lugares que gardan tamén a historia no seu nome. Casal provén do latín  casale, derivado de casa pero non identificado con ela. Goía provén dun nome persoal de orixe latina Gaudia ou Gogila. Orxás significa abundancial de orxo, que provén de ordeum, cebada que se cultivaba nesta zona. O Vieiro fai referencia a vía, palabra latina que sinala a existencia de un camiño. Efectivamente existen datos históricos que lembran un camiño que, pasando por Lousada e Vieiro, cruzaba pola Ponte Saamil cara a Irixoa e Viveiro, por un lado, e á Balsa, Montouto, Labrada e Mondoñedo polo outro. Folgoso debe o seu á abundancia de fieitos, fentos ou felgos, partindo da voz do latín tardío filicosu abundancial de filicu, fieito, fento ou felgo como aquí se nomean.

Fervenza no Río Folgoso
Presa no Río Folgoso
Fervenza no Río Folgoso
Fervenza no Río Folgoso

Ruta do batán de Folgoso
Plano da ruta do Batán de Folgoso
A ruta do batán de Folgoso está ideada  para descubrir paseniñamente os encantos do contorno que se describe, desfrutando do espazo que nos acolle. Escomenzamos a ruta na Ponte de Folgoso, onde a frondosidade das fragas do seu redor son só un preludio do que, río arriba, nos espera. 

Parada de avituallamento nunha ruta polo Batán de Folgoso

Agochado, espreitando, coa calma de aquel que, con moitos anos sobre as costas, só espera ser visitado para ofrecer o mellor de si.
A carón do Río de Folgoso, sentiremos que as pegadas do home hai tempo que non turban a paz deste contorno de gran riqueza ecolóxica polo número de especies que nel podemos atopar. 

Rebaño de cabras e ovellas cruzando a ponte de madeira sobre o rego Folgoso
Rodeados por carballos centenarios, acivros, e acompañados do murmurio da auga, esqueceremos o paso do tempo, voltando a época na que os nosos maiores facían do  muíño a súa segunda casa e do río o seu compañeiro.

Carballo de Folgoso
Natureza e historia. Os batáns, enxeños que aproveitando a forza da auga compactaban os tecidos, como o que atoparemos en Folgoso, muíños, árbores en mil formas transformadas polo paso do tempo. En resumo, una viaxe ao pasado para desfrutar no presente.

Carballo secular en Folgoso
Partindo da Ponte onde atopamos un cartel explicativo da ruta, subimos pola marxe dereita ata preto da presa do Muíño de Orxás, para separarnos do río, pola dificultade na súa marxe, tomando un sendeiro que nos permite apreciar o cauce dende a altitude, para logo volver á beira das augas ata unha antiga ponte de madeira, que cruzamos para seguir o camiño que nos leva polo lado dun exemplar único de carballo, preto do lugar de Folgoso. Seguimos os indicadores ata o batán e o muíño de Folgoso, obras de enxeñería doutro tempo.
Ascendendo pola canle que transporta a auga que daba movemento ás máquinas, seguiremos ata atopar outra vez o Río Folgoso, para baixar ó lado del e despois de cruzar outra pequena ponte ata atopar a ponte que cruzaremos ó subir, volvendo ó punto de partida. Podemos completar a ruta, para mais deleite, seguindo río abaixo ata a antiga fábrica de luz de Folgoso e o Muíño de Vieiro. Despois continuaremos ata atopar o rego de Buriz, límite dos Concellos de Xermade e Muras, seguindo ata a Ponte de Saamil e voltando polo camiño que vai a Buriz, para coller o que en dirección Folgoso nos leva entre valados e á sombra de carballos, para probar a auga sanadora da fonte do Curro antes de voltar a zona de partida.

Canle do Batán e carballo centenario sobre el


O batán
Esquema das partes dun Batán

Desde o punto de vista arquitectónicos os batáns, ó igual que os muíños e plantas de luz, son edificios rectangulares construídos en pedra, cubertos con estrutura de madeira e tapados con grandes lastras ou chantas, a dúas augas.
Semella que o batán e un legado dos árabes que estiveron na península ibérica entre os séculos VIII e XV permanecendo en Galicia parte do século VIII. O termo batán, referido á máquina utilizada para realizar a operación, e batanar e abatanado, referidos á operación mesma, proceden do vocablo árabe battana que, co significado de “golpear”, tamén fora usado en al-Andalus e no mundo islámico medieval. A existencia de batáns está documentada desde o período medieval e mantivéronse en uso hasta finais do século XIX. Durante á época romana e a alta Idade Media o abatanado dos tecidos foi realizado exclusivamente de maneira manual, depositándoos en cubas de madeira (pilae fullonicae) onde era pisada, ata que nalgún momento da Idade Media comezouse a facer uso do abatanado mecánico gracias á difusión  do enxeño movido por enerxía hidráulica converténdose nun dos grandes protagonistas, xunto cos muíños fariñeiros, as moas e as plantas da luz (estas de época máis recente) do aproveitamento da enerxía hidráulica na época medieval.



Presa do Batán de Folgoso
Pisón ou muíño trapeiro poden ser outras denominacións para estes enxeños. Trátase de un sistema desenvolvido a partir do mecanismo impulsor das aceñas, baseado no emprego dunha roda hidráulica vertical, conectada a unha roda dentada cunha árbore de levas.

Mazos do Batán
A instalación do batán dispón nun costado do edificio dunha canle para o paso da auga, cunha anchura en torno ó metro ou metro e medio, onde vai emprazada a roda hidráulica vertical que transmite o movemento ó eixe.
 
Canle do Batán e do Muíño de Folgoso

Batán de Folgoso
O batán é un enxeño composto por un eixe colocado horizontalmente, feito con madeira de carballo. Nun extremo van encaixados catro brazos de madeira en forma de aspa. Os brazos sustentaban as pezas curvas que, unidas entre sí, formaban o perímetro da roda ou circunferencia, sobre as que van unas paletas, que movidas pola forza da auga fan xirar o eixe horizontal. 

Parte superior do Batán
No outro extremo van colocadas outras pezas de madeira en forma de levas. Ditas pezas inciden alternativamente, no seu movemento de rotación, sobre outras pezas de madeira que enganchan, elevan e deixan caer polo seu propio peso dous grandes mazos que golpean ritmicamente o tecido de liño, que previamente foi introducido nunha pía onde se lle mesturaba auga para evitar a alta temperatura producida polo rozamento. Esa auga lévase por una canle longa, de madeira,  que a verte na pía.  

Levas que impulsan os mazos do batán

Nos batáns de Folgoso esta pía está formada por unha sola peza, composta dunha artesa de madeira de carballo, recortada en forma de L polo interior, o que permitía ter unha superficie horizontal na súa parte inferior para depositar os tecidos, e outra vertical ó fondo para servir de apoio ós tecidos mentres golpean os mazos.
  
Mediante os golpes do mazo, tiña lugar a fase de abatanado propiamente dita, operación delicada pois os mazos podían danar os tecidos si golpeaban con forza excesiva, durante un período de tempo demasiado prolongado ou repetidamente sobre a mesma superficie, de forma que o bataneiro debía estar moi atento para ir volvendo o tecido e mantelo sempre en posición para ser golpeado con xeito.

O abatanado tiña como finalidade proporcionar un corpo máis firme, tupido e resistente ademais de mellorar a suavidade. 

Río de Folgoso e segundo batán ó fondo

No tempo dos romanos, a la, o liño e o coiro vestían a poboación. Malia que a elaboración de tecidos de la tivera algunha importancia no nordés de Pontevedra e que en Monforte se traballara a seda, foi o liño a principal fibra obxecto de transformación téxtil nesta zona. O algodón da India e a seda china eran luxos extravagantes.
No século XIX, a perda dos mercados coloniais, a competencia do contrabando británico de tecidos de la e algodón, a importación de fiados de liño e a consolidación do téxtil catalán, vai acelerar a decadencia de todo o téxtil galego, xa fose de liño, de la o mesmo de algodón


A Planta de luz
  
A luz eléctrica chegou a estes lares a mediados do  século XX. As plantas de luz aproveitaban a forza da auga para transformar a enerxía mecánica en eléctrica. A auga move as aspas dunha roda que se conecta ó eixe  dunha dínamo ou xerador, composta principalmente por unha bobina e imáns; cando a bobina xira influenciada polo campo magnético dos imáns, indúcese nesta unha corrente eléctrica que se conduce ó exterior mediante unhas escobillas. Dende alí levábase en cables para as casas. A tensión era débil, de 125 V; daba para unhas bombillas de 25 W, que se empregaban ó chegar a noite arrinconando os vellos candís.  No entorno que nos ocupa estaba a planta de luz de Orxás e a planta de luz de Folgoso, das que se conservan os edificios, o último deles de maior antiguedade e en mellor estado.

Planta da luz de Orxás

Planta da luz de Folgoso

O Muíño

Os muíños fariñeiros de rodicio, como son estes, están compostos dunha roda horizontal sobre a que se produce, coa forza da auga, un movemento circular que é transmitido por un eixe directamente á moa. 

Muíño de Folgoso
Inteiror do muíño de Folgoso

O gran, colocado na moega, vai caendo no ollo da moa a través da quenlla. A moa xira e moe o gran contra a pé. O movemento da roda prodúcese horizontalmente ó contrario que a roda do batán que ten un movemento vertical ó igual que as aceas, que son muíños que empregan este tipo de movemento.  Acea tamén ten unha orixe árabe de onde se importou o sistema, similar ó da noria. Os muíños do contorno son o muíño de Folgoso, e de Orxás e do Vieiro, todos eles de propiedade colectiva, onde cada veciño dispoñía dunhas horas determinadas para moer o seu cereal.

Muíño de Orxás
Río Folgoso ó seu paso polo muíño de Orxás
Muíño do Vieiro
A moa

Aproveitando a forza da auga tamén había antigamente no regato moas para afiar as ferramentas. No que se coñece estas non tiñan un edificio específico para elas senón  que estaban ó aire na beira do rego.

A fundición de ferro

A idade de Ferro pertencente á cultura castrexa, que se xeneraliza entre os séculos VIII e VI a, de C. e prolóngase durante os primeiros séculos da nosa era. Xa en plena romanización temos neste contorno un segredo gardado e pouco estudado ata a data, como é a fundición do ferro.

En tempos contemporáneos aparecen a miúdo no norte do Concello de Xermade escouras de ferro, nomeadamente no Muiñonovo, O Corno, e tamén preto do Vilar da Graña, na veciña parroquia de Roupar, onde están baixo a terra vestixios dunha importante vila romana que nos anos setenta do século pasado escavou o profesor José Vidal Rodríguez. En época máis recente, coa dirección de dous  arqueólogos estudosos da Universidade de Santiago, María Martín e Andrés Teira, escavouse en dúas foias  (carboeiras) coa finalidade de recuperar e analizar o carbón usado en tempo pasado pola xente que se dedicaba á produción de carbón vexetal e á súa comercialización para o uso en ferrerías e calefacción de grandes vilas e cidades.

Cabe aquí engadir que no entorno do Río Folgoso existen numerosos puntos no que se aprecian as foias que se preparaban para a elaboración do carbón vexetal. Así, os carboeiros escavaban un furado no chan no que colocaban os torgos e paus facendo un montón ó que se prendía lume, para logo tapalo en plena combustión para eliminar o osixeno e carbonizar lentamente o material.

A riqueza vexetal da zona, especialmente uz (erica arbórea) e carballo (quercus rubur)  facía que fora un punto ideal para a elaboración de carbón que logo se trasladaba en sacos no lombo de mulas e cabalerías.

Da investigación arqueolóxica resulta comprobado que nunha das foias escavadas recolléronse restos de carbón que proviña de torgos ou raíz de uz, correspondéndose con material contemporáneo, de mediados do século pasado, estudos que concordan coa memoria dos nosos maiores que recordan a súa elaboración. Namentres na outra escavación descóbrese na datación do material, que se corresponde con carbón elaborado entre os séculos II e IV da nosa era, con madeira de carballo, basicamente. Isto leva a deducir, tendo en conta que con dito material atoparon abundantes escouras de mineral de ferro, que no entorno do Río Folgoso, existía un forno de fundición de ferro do tempo dos romanos.

Un forno de fundición estaba formado por un oco recuberto de cerámica. A redución do mineral requiría moita calor, e para obtela enchíase o forno de capas alternativas de carbón vexetal e mineral de ferro. Na parte inferior do forno existían unhas tobeiras por onde se forzaba a entrada de aire, subministrando osíxeno  mediante  una grandes foles. No crisol do forno atopábase un orificio polo que fluía o arrabio. Encima desta abertura, por debaixo das tobeiras, había outra boca por onde se sacaba a escoura. Os foles funcionaban polo movemento transmitido por unha roda, que era á súa vez impulsada pola forza da auga derivada do Río Folgoso.   

Fabricación de carbón vexetal con torgos (raíz de uz)
Resulta razoable pensar que este punto, con abundancia de madeira para elaborar carbón, de vetas de mineral de ferro próximas, e con auga dispoñible para axudar na redución do mineral, resultaba axeitado para a existencia do forno de fundición. Tamén resulta crible que a vila romana de Vilar da Graña, tiña como actividade principal ou complementaria a  extracción, redución e manufactura do ferro.

Como traballo de investigación a modo de deberes para estudosos queda pendente a localización, para o seu posterior estudo, do forno de fundición de ferro preto do Río Folgoso.

Camiño Real da Carba



CAMIÑO REAL DA CARBA,  MONDOÑEDO – FERROL

TREITO POLO CONCELLO DE XERMADE

Autor: Antonio Riveira Requeijo
Publicado na revista Hume, As Pontes, 2013


O Camiño Real da Carba enlazaba Mondoñedo, capital do antigo Reino de Galicia, coa catedral mais antiga das conservadas en España, e con un dos mais influentes bispados do Reino de Galicia, con Ferrol, cidade coa súa historia escrita sobre auga, co porto pesqueiro, arsenal e asteleiro, tamén con subsede do bispado que as une.  Cidades antigas comunicadas desde tempos remotos por camiños naturais impostos polo releve.Un documento do século XVI, relata o traslado a Mondoñedo dunha talla da Virxe, de procedencia inglesa, que desembarcou no porto de Ferrol. A talla da Virxe viaxou polo antigo camiño real.

Como noutros camiños medievais, de simple explanación ou pavimentación sen firme, tiña un percorrido por cotas elevadas. E tén relación cos investigados como camiños tumulares pois a rede viaria antiga pón de manifesto a  existencia dun elevado número de túmulos nos trazados dos camiños. Á hora da súa construción foron uns elementos cruciais para o trazado ó ser estas rutas megalíticas verdadeiros camiños naturais polas zonas mais asequibles.

En 1830 Richard Ford autor de Manual para viajeros por España y lectores en casa apuntaba as leguas de viaxe desde Ferrol:  Xuvia, 1; Espiñaredo, 4; Lousada , 3; Mondoñedo, 5. Un total de trece leguas para completar a ruta.

No seu percorrido polo Concello de Xermade cruza a Serra da Carba, que polas súas peculiaridades medioambientais, e no seu conxunto a Serra do Xistral, constitúe un espacio natural catalogado como Lugar de Interés Comunitario (LIC)  no ámbito da normativa legal europea de Rede Natura, entrando por Lousada e saíndo na parroquia de Roupar, cara As Pontes, Espiñaredo, Ponte de Xubia e Ferrol. Antes, saíndo  de Mondoñedo cruza Abadín por Romariz, Labrada e Montouto e Vilalba por San Simón da Costa e Vilapedre.


O camiño supoñía unha ruta comercial e sobre él téñense producido innumerables acontecementos dos que se conservan algúns na memoria da xente. Neste percorrido preténdese describir o trazado polo Concello de Xermade e citar algunhas notas dos aconteceres ó longo da historia. Deixamos para outra oportunidade os treitos hasta Mondoñedo por unha banda e ata Ferrol pola outra.


Trazado do Camiño Real da Carba, Mondoñedo - Ferrol, ó seu paso por Xermade
 A piques de entrar o camiño no Concello de Xermade, na veciña parroquia de Vilapedre, do Concello de Vilalba, aínda hoxe se nomea a Fonte dos Cregos a un manancial que abastecía de auga ós camiñantes na súa longa viaxe, entre eles ós clérigos, que eran usuarios habituais polo feito de unir as dúas subsedes do Bispado. Preto dela consérvase na memoria, pois no terreo só a base de pedra, o Cristo da Micaela, á beira do camiño real, e outras cruces de pedra e de ferro que se atopaban no seu trazado, incluso en zonas, como ésta, alonxada de puntos habitados.


Cabeceira da Fraga da Lagoa coa neveira, 
oculta polas uces, en primeiro termo
Ó entrar o camiño no Concello de Xermade, moi perto del, atopamos a Casa da Neveira, edificio de forma rectangular (10 x 6 m), construído en pedra nunha zona con certa pendente de forma que unha parte queda practicamente enterrada e a outra a nivel do solo, por onde se facía o acceso. En tempos antigos, en que as nevaradas eran copiosas e duradeiras no tempo, recollíase a neve da zona próxima, para introducila na casa. Pisábase, de forma que se converte en xeo, en capas duns 50 cm, separadas por láminas de palla para permitir o posterior corte dos cachos de xeo. Este xeo conservábase durante o ano na casa e levábase para o porto de Ferrol polo camiño real, en cabalerías, pola noite, para conservalo mellor.

O camiño prosigue pola cumio da Fraga da Lagoa, auténtico nicho ecolóxico onde se atopan carballos e acivros seculares, con outra vexetación, que forma un manto no terreo de grande valor ambiental. Na súa cabeceira xorde o manancial que dá vida ó Río Trimaz, uníndose a el outros regos que brotan na Serra da Carba.
A fraga recibe o nome da Lagoa pola existencia na súa cume de un lago natural que se forma polas elevadas precipitacións invernais e o escaso drenaxe; sitúase na parte mais alta e chan.

Sobre a fraga, neste paraxe singular, gárdase na memoria dos mais vellos daqueles lugares a celebración ata o primeiro terzo do século XX de un ritual de supervivencia: as monterías do lobo. O Monteiro era o encargado de organizar a batida, mandando avisos a todos os lugares do entorno, para xuntarse na cabeceira da Fraga da Lagoa. Organizadas dúas ringleiras de xente, a varios metros entre sí, cubrían a cabeceira da fraga e iban facendo unha forma de funil  ou embudo cara a parte máis alta (a Lagoa), e dirixíndose á Fraga de Bustofreán (na outra caída). Un grupo de homes introducíanse na fraga para sacar ó lobo da sua gorida. Este ó saír atopaba a xente enfilada, tentando escapar entre os dous grupos, de forma que se metía cara o funil que se formaba na parte alta. Na baixada posterior do terreo apostábanse os lanceiros, cunha rede de cordas, atada a un carballo e a un poste colocado próximo. O lobo ó verse acurralado intenta saltar leándose nas cordas, momento que aproveitan os lanceiros para dar conta del coas lanzas, dando remate ó seu ataque ós animais que o vecindario tiña polo monte. 

Cruz da Rega, ó lado do camiño real antes 
de chegar ó Campo da Feira




Nesa mesma zona e aínda mas antigo existía o Foxo do lobo, un furado escavado na terra que tamén se empregaba para dar caza ó lobo, usando un cabrito de reclamo para atraelo cara o foxo, e alí atrapalo. O foxo do Lobo gárdase na toponimia en mais puntos da serra, así tamén Foxo Cabrito, paraxe seguindo o camiño cara Mondoñedo, dentro do Concello de Abadín, fai referencia á caza deses animais.

Despois de pasar sobre a fraga, pasa perto dun moderno parque eólico que coa nova infraestrutura viaria fai esquecer un pequeno treito do camiño, para unirse de novo en dirección ó lugar da Garrona. Antes de chegar a él deriva á dereita en dirección á Rega, cruzando un pequeno rego. Atopamos logo unha referencia humana, como son as cruces que foron colocadas ó longo deles. A Cruz da Rega indícanos que imos na ruta axeitada. Segundo testemuñas foi construída con motivo da morte dunha persoa por un lobo, e tamén que por alí pasaron as tropas francesas na Guerra da Independencia.

Tamén dos montes de Lousada, polos camiños reais, circulaban cabalerías con sacos cheos de carbón vexetal, feito con torgos (raíz de uz), que se vendían para calefacción e basicamente para o traballo dos ferreiros.

Logo se chega  ó Campo da Feira, coñecido así a raíz de que antigamente se celebraba unha feira no entorno, pois o nome anterior era o de Furco, que facía referencia ó cruzamento da camiños naquel punto. Atopamos a Igrexa parroquial de Santo André de Lousada, edificio moderno construído no ano 1962, cun gran mosaico no frontón da fachada principal, que veu a substituír a Igrexa vella que se emprazaba próxima ó lugar de Choutar. A antiga reitoral e maila Igrexa foron tiradas para construír a nova Igrexa no lugar do Campo da Feira. 



Igrexa de Santo André de Lousada e cruceiro

Por un tramo de estrada provincial avanza o antigo camiño real para salvar Portogutierrez e unha vez pasado O Sumeiro volver a recuperar o trazado orixinal, salvando a Ponte dos Corvos, de construción medieval, e avanzando entre Teixido de baixo e Teixido de arriba.

Próximo ó Camiño está o punto onde se erguía a Capela de San Andrés de Teixido, entre os lugares de Teixido e Vesura. Existía unha antiga capela onde se veneraba a Santo André, da que se conta que o cura que a rexía levou o santo para o lugar que desde aquela se chamou San Andrés de Teixido, no Concello de Cedeira.

Abrevadeiro para as cabalerías que percorrían o camiño real
Pousada de Pepa a Loba no lugar da Abelleira
Logo se chega á Abelleira onde o viaxante que facía o camiño entre as dúas cidades tiña que facer noite. En certa época de mediados do século XIX atoparíamos alí a Pepa a Loba, personaxe histórico, sobre o que Reigosa escribiu unha novela da súa vida, que veu a facer parte da súa lenda nestas terras. Despois de nacer e vivir no norte da provincia de Pontevedra, fuxida polos montes boa parte da súa existencia, como bandoleira, xa cansada de vida tan arriscada, a través dun maragato que se dedicaba a percorrer os camiños vendendo a súa mercadoría, veu parar á Abelleira, ó mercar o mesón situado no lugar, onde daba servizo ós camiñantes con comida e pousada, e segundo a lenda, proseguindo coa súa labor de bandoleira. Consérvase a casa, con troneiras de defensa frente a porta, que acubillou nestas terras, e aínda os máis vellos amosan os lugares onde bebían as cabalerías e onde se apostaba a súa xente para asaltar a certos camiñantes.  Neste mesmo punto, encrucillada de camiños, vixiada pola Necrópole da Abelleira formada por unha vintena de túmulos, mámoas ou medoñas, que foron algunhas delas escavadas por Bouza Brey, atopámonos co real que ven de Lugo, pasando por Vilalba, Santaballa, Corno e Muiñonovo (éstes últimos xa de Lousada), en dirección a Viveiro, saindo de Xermade pola Armada.

Detalle das troneiras defensivas situadas ás marxes, sobre as portas da pousada de Pepa a Loba
Camiño entre valado despois de pasar a Abelleira
Rematando o treito de Lousada, intérnase o camiño na parroquia de Roupar, chegando, despois de pasar outro rego, ó lugar do Boucello. Desde aquí xa con viais mais modernizados e asfaltados, aparece Penavaqueira e logo Os Fornos, núcleo do que conta xente de idade que lle quedou o nome pola existencia de fornos de pan que cocían con asiduidade para abastecer ós viaxantes do camiño.

Logo aparece a Capela do Campo, adicada á Virxe do Carme e San Caetano, construida no século XVIII, en tempos do coñecido como “Conde Sánchez”, sobriño político da irmá e herdeira do Conde de Amarante, Constanza de Lemos, chamado Sancho Arias, señor dunha parte de Roupar e Lousada, que tivo a súa base neste lugar, onde mandou construír a ermida.

Capela do Campo e cruceiro

Segue o camiño cada vez mais transformado para chegar á Casanova.

En Roupar crúzase o camiño co que viña, polo Cristo do Portonovo, Bidueiral, Cabeza dos Fornos, Piñeiro e Xestoso, da cidade de Betanzos, para seguir cara a Mondoñedo ou Viveiro.

Pasa logo o camiño, hoxe estrada, polo lado da Igrexa de San Pedro Fiz de Roupar, de antiga construcción e frente a Escola Habanera construida coas aportacións dos emigrantes de Roupar a principio do século XX.

Igrexa de San Pedro Fiz de Roupar
Escola Habanera de Roupar

Atopamos ó paso polo Porto da Vila o pozo e a Cárcere empregada polo Correxidor nomeado polo Conde de Amarante, antigo señor do Coto de Roupar.

.Pola agora estrada provincial, chegamos ós Bestelleiros e pasando, preto da Pedreira, por Calousada, Rego dos Sapos, Reboredo, dirección Aguillón, último lugar acasarado no Concello de Xermade, para pasar por Porvelo, Paraño, Forxa, Pena do Golpe (hoxe Os Loureiros) chegar ás Pontes cruzando o Rio Eume polo Porto dos Bois.

As Pontes de Isabel II, como se coñecen as existentes na Estrada Vilalba - Ferrol, tanto en Cabreiros como nas Pontes de García Rodríguez, indícannos a época en que foi construída dita estrada, durante a monarquía de Isabel II, sobre o ano 1863. Esta data supón o ocaso para o antigo Camiño Real da Carba, especialmente nas zonas próximas á nova estrada, pois supuxo a utilización continuada do novo trazado viario e o abandono do antigo camiño. Un caso claro e o treito que transcorre por Roupar de Baixo, onde desapareceron vestixios do seu uso e mesmo desapareceu o camiño en algunhas zonas. Dende esas datas era mais viable ir de Mondoñedo a Vilalba e seguir a Ferrol pola nova estrada en lugar de desplazarse polo Camiño Real.


Bibliografía.-
 
Los caminos medievales de Galicia. Elisa Ferreira Priegue. Boletín Auriense. Museo arqueolóxico provincial de Ourense. 1.988

Caminos y Túmulos. Aproximación al estudio de los ejes de comunicación Megalíticos en el Noroeste peninsular. Javier Gómez Vila. Actas del III Congreso del Neolítico en la Península Ibérica. 2002.

Una aproximación al mundo de la nieve en Galicia. Andrés Sampedro Fernández.  IV Congreso de Antropología Aplicada.. Pamplona. 1998

Manual para viajeros por España y lectores en casa. Richard Ford. Editorial  Turner. 2.008.

La Voz de Galicia. 16 de octubre de 2.004.

Notas de historia da parroquia de Roupar.  Enrique Rivera Rouco. Roupar. 1.990-1.996.

Cruceiros, cristos e cruces de Xermade. Fernando Arribas e José Manuel Blanco Prado. Ediciós do Castro. 2.004

Proxecto de dinamización das terras da Carba e Monseivane. Sabela Figueira Tenreiro e Carmen Pernas Bermúdez . Boletín do Museo provincial de Lugo. Nº. 11, 2, 2.003-2.004.

Pepa a Loba. Carlos G. Reigosa. Edicións Xerais de Galicia. 2.006